O CDTIC acolle este xoves a presentación de tecnoloxía para a xestión de talleres de automóbiles

martes, 10 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O Centro Demostrador TIC de Galicia, dependente da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vai dar acollida, o vindeiro xoves 12 de xaneiro, á presentación dunha solución integral de xestión á medida das necesidades dos talleres de automóbiles, chegada da man da empresa galega Autoxuga.
Esta tecnoloxía ten como cometido axudar aos profesionais do sector a aumentar a produtividade dos seus talleres, optimizando labores de facturación, mecanización e diagnose.
A sesión dará comezo a partir das 10:30 horas, e afondará en cuestións técnicas nas devanditas áreas a integrar, directamente da man dos seus creadores, que combinarán sesións teóricas con demostracións prácticas.
Máis polo miúdo, na área de facturación trataranse aspectos como técnicas de marketing, control de provedores, compras directas a provedores para reducir custes, control de almacén... mentres que na área técnica, os contidos versarán sobre cálculos de compoñentes, funcionamento de sensores e actuadores ou esquemas eléctricos e electrónicos unificados.
Por último, dentro da área de diagnose, os asistentes coñecerán o proceso de fabricación de equipos de diagnose, consistentes en solucións tecnolóxicas (hardware e software), que unha vez conectados ao automóbil, permiten analizar parámetros tales como os niveis, estado da carga baterías e compoñentes electrónicos,etc, así como os protocolos de comunicación entre estes e as centraliñas dos coches (UCEs).
A sesión, que vai dirixida directamente aos profesionais da venda e reparación de vehículos, e a propietarios e xerentes de talleres, rematará coa diagnose real dun vehículo, na que os asistentes poderán comprobar de primeira man e dunha maneira totalmente práctica os conceptos desenvolvidos ao longo da mañá.
A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC.

PUBLICIDADE