O CDTIC acolle esta semana un obradoiro sobre cloud computing para empresas TIC
martes, 22 de maio do 2012

- O cloud computing visto dende a perspectiva de Telefónica
O Centro Demostrador TIC de Galicia acollerá, mañá mércores
23 e o xoves 24 de maio, un taller sobre tecnoloxía na nube ou cloud computing, que ten por obxecto ofrecerlles
aos empresarios do país as solucións tecnolóxicas que teñen ao seu alcance para
mellorar as súas xestións, así como mostrarlles dende outra perspectiva un novo
referente do modelo de negocio.
O cloud computing,
ademais de permitirlle ás firmas aforrar tempo e custes nas súas xestións, está
a xerar novos modelos de negocio e cambiando a forma de prestar servizos de
moitas empresas do sector TIC do noso país. O obxectivo deste obradoiro, posto
en marcha pola Xunta de Galicia, é introducir ás persoas asistentes en aspectos
como os modelos de negocio, a seguridade ou a regulación legal da tecnoloxía na
nube, e facelo de xeito práctico, a través de varios exercicios que os e as
asistentes experimentarán de primeira man.
O taller celebrarase en horario de mañá entre as 09:00 e
as 14:00; e en horario de tarde de 15:00 a 19:00 durante os dous días, e está distribuído en
módulos teóricos combinados con diferentes casos prácticos.
A xornada abrirase cunha charla maxistral de hora e media
de duración, da man do enxeñeiro Antonio De Toro, director Comercial da empresa
ACT, en palabras dos organizadores do evento, “pioneira en España na
comercialización de servizos de software a través da nube”.
O resto do obradoiro será impartido polo enxeñeiro Rafael
Martín Espada, responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica de
Asesores e Consultores en Administracións Públicas, ACAP e recoñecido experto
en materia de cloud.
Martín, que foi ademais Director Xeral de
Telecomunicacións para a Sociedade da
Información da Junta de Extremadura, así como profesor da Universidade de
Extremadura, conta con ampla experiencia neste tema e responderá ás cuestións
que os asistentes lle formulen.
As prazas para asistir ao Obradoiro son limitadas, polo
que é necesario inscribirse
previamente en liña a través da web do Centro Demostrador TIC.
