O CDTIC Virtual amplía oferta open source cunha solución para tendas virtuais

martes, 2 de maio do 2017 Redacción

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de ampliar a súa oferta de ferramentas informáticas no CDTIC Virtual coa incorporación dunha solución de tenda en liña baseada en WordPress + WooCommerce. Esta nova solución do CDTIC Virtual está baseada en Wordpress, xestor de contidos de código aberto e de libre distribución, empregado na actualidade para o funcionamento de máis de 60 millóns de blogs. A comunidade de usuarios salienta entre outras moitas cousas a súa simpleza, o seu doado manexo e as garantías de respaldo e mantemento do enorme colectivo de voluntarios-usarios que contribúen con milleiros de plugins e temas para personalizar webs.
A aplicación que vén de incorporar o CDTIC ten precargada a extensión WooCommerce, unha ferramenta ideal para iniciarnos no negocio electrónico a través de Internet, xa que é sinxela no uso pero coa eficacia e funcionalidade doutras alternativas máis complexas no mercado para comercio electrónico, como pode ser Prestahop que tamén está dispoñíbel no CDTIC.
Para amosar as vantaxes de empregar esta solución a profesionais e empresas, o CDTIC organiza o vindeiro 24 de maio unha sesión que leva por título Xestiona o teu negocio en liña con WooCommerce e Wordpress, que se levará a cabo nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela, en horario de 16.00 a 19.00 horas. Esta sesión será impartida por Hacce Conversion & Desing, empresa galega especializada en desenvolvemento web enfocado a maximizar a experiencia de usuario e a conversión de visitantes a clientes.
O CDTIC Virtual, posto en marcha polo Centro Demostrador TIC, constitúe un servizo no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispor de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas. Na actualidade, as solucións dispoñíbeis no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hostaleira; Owncloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social; PrestaShop unha plataforma web de comercio electrónico (e-commerce) e Alfresco o software de xestión documental profesional.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha destas aplicacións non teñen máis que rexistrarse como empresas e profesionais na web do CDTIC e despois solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese. Até o de agora xa o fixeron máis de 100 empresas usuarias do CDTIC Virtual.

PUBLICIDADE