O CCII ponse a disposición de Google e Apple na loita informática contra o COVID-19

luns, 20 de abril do 2020 S. P.

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

O Consello de Colegios de Ingeniería en Informática (o CCII, presidido por Fernando Suárez, tamén presidente do colexio galego CPEIG) vén de brindar o seu apoio ao ambicioso proxecto de Google e Apple para o rastrexo de localizacións na loita contra o COVID-19: o proxecto Seguimento Intelixente de Proximidade Interoperábel. E fíxoo poñendo a disposición dos xigantes das novas tecnoloxías a súa experiencia e coñecemento para “asegurar que a parte técnica do desenvolvemento de aplicacións para a procura de xeolocalización cumpra coas garantías técnicas e éticas necesarias”.
O devandito proxecto consiste na creación dun estándar común de API (Interface de Programación de Aplicacións) que posibilite que as aplicacións que sexan creada por diversas empresas ou entidades, como a Comunidade de Madrid, o Goberno de España ou os propios emprendedores, “sexan plenamente compatíbeis entre si”. Segundo nos conta o CCII, ao abeiro deste traballo non será unha única aplicación móbil a que permita o seguimento, senón que serán moitas as que se baseen nas API compatíbeis de Android e iOS, conseguindo, desta maneira, que o seguimento intelixente de contactos funcione sexa cal for a app que usemos no noso móbil.
O compromiso total do Consello CCII con estes parámetros de interoperabilidade xa se materializou o 27 de marzo, cando a entidade que aglutina os colexios de informática das Comunidades Autónomas propuxo ao Goberno de España avanzar nesta liña, un eido de traballo que agora sube novos chanzos brindándolle ás empresas interesadas no desenvolvemento deste tipo de aplicacións, a súa experiencia e coñecemento para asegurar que a parte técnica cumpra coas garantías de funcionamento. Ademais o Consello, entidade pioneira en aprobar un código ético e deontolóxico, engade que “pode garantir que estas aplicacións cumpran cos estándares éticos, respectando a privacidade dos usuarios”.
A implicación da ética
Segundo lembra o CCII, a poboación en xeral adoita ter bastante desconfianza coas aplicacións oficiais respecto ao uso que lle poidan dar aos seus datos persoais. Isto contradise con que moitos usuarios instalan aplicacións e outórganlles permisos sen ler os termos de uso ou a política de privacidade. “Do mesmo xeito que pasou co uso de datos polo INE, debemos confiar nas administracións e, especialmente, en situacións como a presente, onde a propia AEPD informa de que a protección de datos non debe de usarse como unha limitación para combater a enfermidade, o que non quere dicir con todo que estas aplicacións se teñan porqué saltar ningún límite”, afirma Fernando Suárez, presidente do CCII, engadindo que “por todo isto, poderiamos dicir que é necesario un código ético, universal e público que clarifique que se pode facer, quen o pode facer e en que casos e, ademais, que unha entidade como CCII en representación da Enxeñaría Informática, poida velar polo cumprimento dese código ético, de modo que estea en situación de denunciar as condutas que van contra o mesmo, do mesmo xeito que emitir un selo de cumprimento para as entidades que se esforzan no seu cumprimento”.

PUBLICIDADE