O CCG promove o debate arredor das novas formas de machismo nas redes
martes, 26 de setembro do 2017
O
Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade,
vai organizar o mes vindeiro, o día 10, unha xornada para avaliar o
papel que están a xogar as novas canles dixitais de comunicación no
mantemento no tempo do machismo en calquera das súas manifestacións.
Mellor dito: para avaliar até que punto un uso irracional (moitas
veces amparado no anonimato) destas canles e plataformas pode
reavivar problemas sexistas que xa criamos en fase de superación. A
xornada Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade (formato PDF)
será coordinada por Carme Adán e Nieves Santomé, e desenvolverase
na sede CCG contando coa presenza de Ramón Villares e María Xosé
Porteiro (inauguración) e de Carmén Cajide e Antonio Rial, un dos
principais expertos galegos en materia novos hábitos da mocidade en
relación cun mal uso das tecnoloxías (adicción, acoso, fracaso
escolar, agresións).
Segundo
informa a Comisión de Igualdade sobre os porqués da xornada, cómpre
impulsar o debate acerca do rumbo que queremos dar á Sociedade do
Coñecemento, que faga honra ao seu nome e sexa integradora,
formativa e beneficiosa, ou non. Segundo apuntan as integrantes da
comisión, “as redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos
de liberdade e transformacións e, tamén, “en novas trampas para
reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres”.
Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade
do Consello da Cultura Galega consideran “importante contribuír ao
debate social”, de aí a convocatoria dunha xornada que, “desde
unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica,
policial, entre outras”, permita afondar “na relación
violencia-mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnoloxías”.
E engaden: “Propoñemos unha achega ás novas formas de violencia
que, acotío e a través do ciberespazo, se traducen en formas de
control e dominación sobre as mozas”.