O CCG profundará sobre o impacto da IA na creación cultural

xoves, 2 de novembro do 2023 S. P.

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste xoves 2 de novembro na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia. Álvarez explicou as liñas xerais de actuación desenvolvidas e avanzou a programación de 2024. A relación entre cultura, patrimonio e turismo; a Intelixencia Artificial aplicada á creación; a memoria da transición; a proxección exterior, e a internacionalización da cultura galega son áreas destacadas para o vindeiro ano. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3.206.556 euros, 130.780 euros máis que en 2022. Os representantes dos tres grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.
Segundo dixo con máis detalle, a análise do impacto da Intelixencia Artificial na creación cultural será un dos asuntos aos que atenderá en 2024. Insírese no marco da liña titulada Novos formatos e novos mercados da cultura, na que prestará atención á revolución dixital na creación, formatos, difusión, acceso, desfrute e conservación.
Outra das liñas de acción denomínase Enerxías renovables, sostibilidade e patrimonio cultural e afondará no modelo de explotación do territorio e na súa relación co patrimonio cultural. Nese ámbito estase a traballar nun informe sobre a relación entre cultura, patrimonio e turismo, así como a xestión do concepto de patrimonio.
Outra das liñas é Memoria da Transición, baixo a que se analizarán os discursos políticos, as mobilizacións sociais, a conquista do autogoberno e a loita pola lingua e a cultura desta época. Entre as prioridades para o vindeiro ano está tamén a liña Unha cultura con identidade sen fronteiras, paraugas desde o cal se reforzarán a proxección exterior e a internacionalización da cultura galega; a cultura da emigración, e o diálogo con outras culturas europeas.
Ademais, seguindo fiel á liña de traballo habitual da institución, para 2024 están programados unha serie de informes encamiñados a avaliar o sistema cultural. O Barómetro da Cultura Galega e as Conxunturas realizadas polo Observatorio da Cultura Galega complementarán os informes de impacto ambiental, os preceptivos para os Bens de Interese Cultural (BIC) e outros que elabora de xeito periódico a institución. Tamén se continuará prestando atención á conservación e valoración de todo tipo de patrimonio (material e inmaterial), así como ao fomento da cultura científica, tecnolóxica e ambiental.
Respecto da actividade de 2023 (que coincidiu co 40º aniversario da institución), foron moi destacábeis (entre outros) eventos e programas como a conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (cun congreso, unha andaina e unha xornada de análise e comparación con outros centros coetáneos con características similares); a mostra internacional Afonso X e Galicia (que chegou São Paulo, onde estivo acompañada dun completo programa de actividades e desde onde se trasladará a Río de Xaneiro, a partir do 8 de novembro); a presentación do proxecto Seara. Discover Galician literature through its texts / Descubre a cultura galega a través dos seus textos, que ofrece traducións de textos literarios ao inglés; a proposta Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras, un proxecto audiovisual encamiñado a visibilizar, para o público estranxeiro, o bo momento que está a vivir a música de raíz no país a través do testemuño dos seus artífices.
Ademais, o mes de setembro a presidenta, Rosario Álvarez, depositou o legado material e simbólico de Rosalía de Castro na Caixa das Letras que mantén o Instituto Cervantes.
Por outra banda, o Observatorio da Cultura Galega analizou a situación do sector audiovisual (a publicar a vindeira semana), e elaborou unha conxuntura, un barómetro e o informe Corenta anos de cultura galega en estatísticas, entre outros. Achegáronse outros informes destacados como O valor económico do galego ou o Informe sobre o impacto dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido no patrimonio natural e cultural de Galicia, que analiza o impacto das plantacións forestais con especies de crecemento rápido, especialmente o eucalipto, no patrimonio cultural galego.

PUBLICIDADE