O CCG presenta novos contidos online ao abeiro do proxecto Galicia, unha cultura por descubrir

luns, 17 de outubro do 2022 S. P.

Xesús Fraga

Este luns presentouse en Santiago un ambicioso proxecto para achegar ás redes contidos que destaquen como se merece a nosa cultura. Trátase do proxecto Galicia, unha cultura por descubrir, impulsado polo CCG. Rosario Álvarez, presidenta da entidade, destacou na presentación do proxecto que “non chega con que esteamos convencidos da creatividade desbordante da cultura galega, senón que hai que dala a coñecer”.
O proxecto do Consello da Cultura Galega arrinca cunha primeira acción sobre a literatura galega, Galicia: unha literatura por descubrir, que coordinou Dolores Vilavedra e que consiste en materiais audiovisuais online e escritos sobre os grandes temas de relevancia no panorama editorial. Manuel Rivas, Olga Novo, Fina Casalderry, Ledicia Costas, Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro protagonizan esta primeira entrega, aos que seguirán moitos outros creadores contemporáneos.

Suso de Toro

Segundo informou o CCG, Galicia: unha literatura por descubrir concentra en tres vídeos e tres reportaxes outros tantos enfoques da literatura contemporánea. O formato consiste en tres audiovisuais curtos que permiten entrar no universo literario de cada un dos autores seleccionados a través da súa propia experiencia. As tres temáticas escollidas son de gran relevancia no panorama editorial europeo contemporáneo. A primeira delas é a ecoliteratura, a escrita da natureza (nature writing), que reúne ensaios, ficcións e prospectivas ao redor da relación entre o home e o medio e que, segundo Vilavedra “conecta coa nosa tradición que vai máis atrás de Rosalía”; a segunda é o papel que desempeña a LIX na representación dos importantes cambios sociais das últimas décadas na composición familiar, na multiculturalidade e na inmigración ou nas transformacións vinculadas á identidade sexual. E o terceiro é a literatura da memoria entendida de xeito amplo. É a exploración da identidade e da memoria familiar e colectiva do século XX e a súa relación cos acontecementos traumáticos do pasado.

Olga Novo

O primeiro dos capítulos chámase Hand in hand with nature/Da man da natureza e está protagonizado por Manuel Rivas e Olga Novo e busca afondar na experiencia da paisaxe e da terra como un trazo fundacional da literatura.
A segunda das entregas é A society in flux/Unha sociedade en cambio e conta con Fina Casalderrey e Ledicia Costas para amosar como a literatura infantil e xuvenil se revela como un dos ámbitos máis innovadores do mercado editorial, con xéneros en continua hibridación.

Fina Casalderrey

Por último, en Building memory/Construír memoria Xesús Fraga, Xosé Manoel Núñez Seixas e Suso de Toro reflexionan sobre o papel do pasado, da herdanza e das súas fracturas, a relación entre o espazo público e o privado, o territorio, as orixes e como as evocan as persoas.
Na presentación deste proxecto fixo acto de presenza Manuel Gago, coordinador técnico da iniciativa, que explicou que “eses materiais audiovisuais compleméntanse con reportaxes elaboradas por culturagalega.gal, nas que se poñen en contexto estas declaracións e se sitúan dentro do panorama da literatura galega contemporánea”.
Todos os textos e vídeos están dispoñíbeis en inglés e galego.
Pódese acceder a este proxecto desde a web culture.gal, un novo espazo web do Consello da Cultura Galega no que se ofrecen recursos da institución orientados a un público internacional e se irán incorporando estes novos contidos destinados para unha audiencia internacional, xunto con informacións básicas da propia institución.
Esta primeira acción, definida dentro do Plan de Acción Exterior da institución, “busca reforzar a presenza da cultura galega no exterior”, explicaron fontes do CCG, engadindo que se trata dun proxecto que fornece de de materiais de contextualización da literatura galega contemporánea, orientados a un público internacional do ámbito profesional, especializado academicamente ou con intereses sectoriais. “Este prototipo de visibilización da cultura galega contemporánea está orientado a feiras e eventos internacionais da industria cultural, e que poida involucrar eventos de artes escénicas, música, patrimonio cultural etc”, engadiron.

PUBLICIDADE