O CCG pon en marcha a web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos

xoves, 1 de outubro do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega vén de pór e marcha a páxina web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, o CDIF, o cuarto arquivo que o CCG creou en 2019. O arrinque deste novo sitio en liña coincide de xeito significativo coa celebración, este 1 de outubro, dos 89 anos da aprobación do dereito das mulleres ao voto. En palabras da presidenta do consello, Rosario Álvarez, trátase dun arquivo que, amais de inventariar, documentar, preservar e dispoñer os fondos, quere actuar como incitador á reflexión, divulgador e dinamizador da sociedade galega. O centro, que ten a súa orixe nunha comisión temporal creada en 2005, ten como coordinadora a María Xosé Porteiro.
Coa posta en marcha do sitio web comeza “a etapa máis pública do centro de documentación”, engadiu a presidenta do CCG, destacando deste espazo web que “non é unha obra pechada, redonda, acabada. É un proxecto vivo, que se irá construíndo e irá evolucionando, con pretensión de mellora continua”.
A coordinadora do CDIF, María Xosé Porteiro, salientou neste lanzamento público que a páxina web permitirá “visualizar as mulleres e as súas producións a través dun espazo publico en permanente actualización”.
Desde o CDIF buscase iniciar traballos que contribúan á incorporación plena das mulleres na historia, na ciencia, na arte, nos medios de comunicación, nas formas da fala, na Galicia interior e na exterior a través de informes, recursos e materiais que “non asuman representacións tópicas, idealizadas ou ideoloxizadas da muller galega e que reflictan as realidades plurais vividas polas mulleres galegas”, explicaron.

PUBLICIDADE