O CCG pecha na Rede o ano de Xela Arias cunha homenaxe musical

xoves, 23 de decembro do 2021 S. P.

Nesta recta final de ano aínda hai marxe para celebrar o legado creativo e persoal da poeta Xela Arias, homenaxeada na última edición do Día das Letras Galegas. Así o entende o Consello da Cultura de Galega, que quixo pechar o ano de Xela musicando un dos seus poemas, Dis ma-ma-má, de Darío a Diario. Trátase dun produto web que contén unha composición musical realizada polo músico Juanjo Cura e interpretada polo coro Gestus Vocalis do Morrazo. O especial pon a disposición da cidadanía a partitura e a interpretacion en audio e vídeo.
“Todo isto comezou cunha encarga que me fai Alberto Abal sobre Xela Arias” explica Juanjo Cura que para cumprir ese cometido comeza a ler a súa obra completa, detendo a mirada, chegado a certo punto, nas poesías de Darío a Diario que Xela adicou ao seu fillo. Deste libro escolleu Dis ma-ma-má, mesturado con outros poemas da obra. O resultado é unha composición para coro que o CCG subiu á Rede este 23 de decembro a través da súa partitura coa correspondente interpretación en audio e vídeo. “A idea é poñer a disposición da cidadanía unha obra para coro baseada na autora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas xunto coa súa interpretación para que os cantantes poidan estudar a obra” asegura Juanjo Cura.

PUBLICIDADE