O CCG mostrará o 11 de marzo o gran talento tecnolóxico e científico da nosa mocidade

mércores, 4 de marzo do 2020 Redacción

O vindeiro 11 de marzo imos achegarnos ás importantes capacidades tecnolóxicas e científicas que atesoura a nosa mocidade. Será no marco dunha cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), a xornada Dos gabinetes de ciencias dos institutos históricos aos clubs de ciencia e o STEMBach. A cita, organizada pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, daralles voz aos escolares e aos seus docentes para divulgar estas experiencias interactivas. Amais, explica o CCG, “tamén afondará no legado patrimonial e científico dos gabinetes de ciencia, os antecesores destas iniciativas”. A xornada non ten inscrición pero poderá seguirse en directo a través da Rede. Estará coordinada por Javier Méndez Zunzunegui.
O encontro ten a súa orixe temática nos gabinetes de ciencia, aos que se rende homenaxe na xornada e que comezaron a súa andaina no século XIX, cando se crearon os institutos de ensino secundario. “Estes centros”, explica o CCG, “foron dotados de laboratorios de química e gabinetes de física e historia natural que permitían implementar un ensino máis experimental nas aulas, sendo así como se compraron planetarios, espectroscopios, modelos anatómicos ou cristalográficos para acompañar as clases teóricas”.
Hoxe en día existen seis institutos históricos que contan cun importante patrimonio arquitectónico, bibliográfico e científico. Sobre eles falará Rafael Sixto, docente de Física e Química e doutorado en Ciencias da Educación pola USC, na primeira das conferencias desta xornada.
Outra as sesións virá da man do alumnado e profesorado dos centros IES Arcebispo Xelmírez I e II e do IES Rosalía de Castro de Santiago, que falarán da contaminación descuberta nas augas próximas á mina de Touro, que impiden sobrevivir á maioría dos organismos.
Nunha vertente máis propia da experimentación, o alumnado do IES Sánchez Cantón, do Arcebispo Xelmírez I, do CPI dos Dices e do IES David Buján de Cambre convertará o salón de actos do CCG nun improvisado laboratorio. Nel realizarán experimentos sinxelos que servirán de mostra do que xa fixeron no marco dos clubs de ciencia, como estoupar un globo cunha laranxa sen tocalo, baños de moedas... entre outros experimentos. Esta actividade está prevista para as 12.00 horas.
Un pouco máis tarde, entre as 14:00 e as 14:30 horas, haberá outra nova demostración práctica, desta volta na praza do Obradoiro, para experimentos que precisan de maior espazo (se as condicións meteorolóxicas non o permiten, as demostracións realizaranse nos soportais do pazo de Raxoi).
A xornada complétase pola tarde cunha visita guiada ao laboratorio e biblioteca dun dos seis centros históricos que existen en Galicia, que é o do IES Arcebispo Xelmírez I, que este ano cumpre 175 anos.
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón.

PUBLICIDADE