O CCG lembra a figura de Isaac Díaz Pardo con novos materiais en liña

martes, 5 de xaneiro do 2021 Redacción

Este 5 de xaneiro celébrase o noveno cabodano do pasamento de Isaac Díaz Pardo, un dos grandes persoeiros da nosa cultura no século XX e parte do XXI. O Consello da Cultura Galega (CCG) aproveita a efeméride para facer aínda máis visíbel o seu legado con novos recursos en liña: a incorporación da súa entrada no Álbum de Galicia e, tamén, a publicación na Rede de varias entrevistas que dan conta do pensamento deste intelectual e emprendedor. Ademais, hoxe tamén se publica a entrada biográfica de seu pai, Camilo Díaz Baliño.
Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela 1920 - A Coruña 2012) foi un artista, empresario e activista cultural cuxa traxectoria vital é fundamental para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. A súa biografía, elaborada por Xosé Ramón Fandiño, pode consultarse desde este 5 de xaneiro no acubillo dixital Álbum de Galicia. Canda a súa entrada, incorpórase tamén a de seu pai, Camilo Díaz Baliño, que foi escenógrafo e deseñador gráfico e unha figura inmersa nos movementos galeguistas anteriores á Guerra Civil.
O Consello da Cultura Galega aproveita a efeméride para poñer en rede novos recursos sonoros. Son tres entrevistas procedentes dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia que o propio Isaac Díaz Pardo concedeu entre 1980 e 1992. Nelas fala da súa visión das exposicións, da relación con Seoane e da investigación científica en Sargadelos.


PUBLICIDADE