O CCG incrementa os seus fondos dixitais con novos números de A Nosa Terra

mércores, 18 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O Consello da Cultura Galega segue a achegar contidos dixitais para mitigar a reclusión forzosa derivada do estado de alarma (por mor da crise sanitaria do COVID-19) e ampliar as posibilidades da Rede para acceder ao coñecemento. A máis recente incorporación ao fondo documental do CCG que temos dispoñíbel online consiste na dixitalización de cen novos números de A Nosa Terra, semanario desaparecido en 2011 e, en palabras do Consello, unha referencia de primeira man para “comprender a historia recente do país”.
Os novos números achegados forman parte dun amplo proceso de dixitalización que abrangue un milleiro de números de A Nosa Terra lanzados á rúa entre os anos 1977 e 2001 e que está a ser impulsado polo CCG e a fundación que leva o nome do semanario a través dun acordo específico.
A presidencia de Xosé Ramón Barreiro na Real Academia Galega é a portada do número 1.014 de A Nosa Terra. Segundo informa o Consello da Cultura, co número 1.014 complétase o proxecto de dixitalización e posta a disposición do público na Rede da etapa en papel “desta histórica cabeceira”, en cuxas páxinas figuran acontecementos tan relevantes como o conflito sobre a galeguidade da obra de Cela trala concesión do Premio Nóbel, reflexións documentadas sobre a política forestal, informes das comunidades europeas coa recomendación de reducir a extensión do eucalipto na Galiza, a guerra de Irak ou a supertaxa láctea, entre moitos outros asuntos que aínda seguen vixentes.
“Os 1.014 exemplares subidos”, informou o CCG, “dan conta dun período no que se produciron numerosos cambios socias e políticos e no que agromaron tendencias como a recuperación da memoria histórica; ademais tamén serve para coñecer como o equipo de redacción desta cabeceira practicou un xeito novo de facer xornalismo e darlle cabida a novos temas como o ecoloxismo, o feminismo, o mundo do traballo e diferente xeito de tratar os deportes”.

PUBLICIDADE