O CCG inaugura o ciclo virtual dos seus encontros sobre o noso patrimonio

martes, 21 de abril do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega segue esta semana co seu incansábel labor de investigación e divulgación plenamente adaptado ás contornas dixitais: unha adaptación que viña de antigo, pero que coa chegada da crise sanitaria subiu novos chanzos. Este martes 21 o CCG púxonos ao tanto da dispoñibilidade online do material xerado nos seus Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, que abren hoxe (con continuidade nas vindeiras semanas) un ciclo virtual.
Os Encontros, que naceron para ser “un lugar de encontro arredor dos espazos do noso patrimonio sobre os que se desenvolveron actuacións”, veñen da man da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (da man de Iago Seara e despois de Rebeca Blanco) e desenvólvense de xeito periódico dende hai cinco anos, abordando cuestións como a análise do illote Guidoiro Areoso (ría de Arousa) e as sas pegadas castrexas, ou as pinturas rupestres de Valborrás de Casaio. Foron preto de xornadas que analizaron as salinas romanas, a situación dos cascos históricos e outros proxectos con implicación da cidadanía. Todos os encontros foron rexistrados en vídeo, tanto dentro como fóra da sede do CCG (en Ferrol, en Ourense, en Tui e en Vigo, no mar percorrendo a ría de Vigo en barco, etc), este material podémolo ver agora na web do consello, cada martes cunha nova lectura sobre o noso territorio, agrupadas as lecturas en oito bloques.
O ciclo virtual ábrese co programa In situ, dirixido a coñecer as salinas de Galicia e de Portugal. Agrupa a xornada desenvolvida na Guarda e a realizada nun barco pola costa da cidade de Vigo, que permitiu amosar unha lectura transversal sobre o papel que desempeñou o sal na economía da Antigüidade e mais unha valoración conxunta dos xacementos da costa viguesa.

PUBLICIDADE