O CCG e o Instituto Cervantes promoven a lectura virtual de Emilia Pardo Bazán

xoves, 3 de xuño do 2021 S. P.

O Consello da Cultura (CCG) colabora co Instituto Cervantes na lectura virtual de La madre naturaleza, obras da escritora galega Emilia Pardo Bazán (1851-1921). A actividade insírese na programación de xuño do Club de Lectura que mantén o Cervantes que promove e dinamiza o debate da man de María López Sández, especialista na obra da autora coruñesa. Esta actividade inclúese na programación deseñada polo CCG para conmemorar o centenario do pasamento de Pardo Bazán.
O Club de Lectura do Instituto Cervantes centra a súa lectura do mes de xuño nunha das obras iniciais de Emilia Pardo Bazán. Trátase de La madre naturaleza, obra que a autora publicou en 1887 como continuidade doutra novela, Los Pazos de Ulloa, que provocou un grande escándalo no mundo literario da Restauración.
O día 15 comeza o debate e a participación que estará dinamizado pola coordinadora de clubes virtuais de lectura, María Antonia Moreno Mulas, e por María López Sández, especialista na obra de Emilia Pardo Bazán. O calendario inclúe tamén un chat con esta última o día 29 de xuño.
Actividades para o centenario
Segundo informa o CCG, esta proposta inclúese no marco do calendario dunha serie de actividades previstas para conmemorar o centenario do pasamento da novelista. No día da morte, 12 de maio, o a entidade puxo na Rede o seu epistolario por mor do convenio asinado coa Real Academia Galega.
As actividades estenderanse no calendario ao longo de todo o ano. Unha das próximas citas do calendario está no mes de outubro, cando terá lugar o Congreso sobre Emilia Pardo Bazán. A última sesión (29 de outubro) desenvolverase no Consello da Cultura Galega, que deseñou unha programación pensada para situar o feminismo de Pardo Bazán no seu contexto histórico e abordar as súas características. A sesión remata tamén coa proxección do audiovisual As mulleres do porvir.

PUBLICIDADE