O CCG e o Concello do Barco presentan o podcast da peza teatral A camisa
venres, 25 de marzo do 2022
O
Consello da Cultura Galega e o Concello do Barco presentaron este
venres 25 de marzo o podcast A camisa, unha peza teatral que
retrata o drama da emigración (a través dunha familia que se
traslada a Madrid coa arela dunha vida mellor) e que foi escrita polo
escritor local Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994)
e trasladada ao galego por Ramón de Valenzuela. A partir desa
tradución, o CCG déronlle unha nova dia o texto: unha vida (agora
tamén) dixital. A adaptación sonora en formato podcast está
dividida en cinco episodios.
Tito
Asorey foi o encargado de dirixir a ficción sonora na que participan
Melania Cruz, Josito Porto e o propio Asorey, entre outros. O
proxecto, que conmemora o centenario do nacemento de Olmo e o sesenta
aniversario da estrea da peza, foi presentado este venres 25 no
concello ourensán pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o
alcalde, Alfredo García; a concelleira de Cultura e Educación,
Margarida Pizcueta, e mais unha das actrices da ficción sonora,
Melania Cruz. O primeiro dos episodios xa está dispoñíbel no
especial homónimo na
web do Consello da Cultura Galega.
Chus
Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que
permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está
formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito
Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa
Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide
González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da
asesoría lingüística.
A
emisión dos capítulos comeza este venres 25 de marzo, desde a web
do CCG e as súas redes sociais. Cada venres, emitirase un novo
episodio ata o 22 abril, data en que se completa o proxecto.