O CCG avalía as posibilidades das TIC para manter a saúde cultural nos concellos

martes, 9 de xuño do 2020 S. P.

Chega ao seu remate o ciclo Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19, impulsado dende principios de maio polo Consello da Cultura Galega para avaliar en profundidade a cultura municipal e axudar ás entidades locais e ás empresas do sector a superar os grandes atrancos que puxo no camiño a crise sanitaria. O ciclo, polo que pasaron máis dunha vintena de especialistas cuxas intervencións se poden ver desde a web institucional do CCG, remata esta semana coa súa última mesa: Estratexias e ferramentas de actuación. Coma as outras sesións, será coordinada por Sergio Lago.
Desde hoxe até o venres o CCG publicará diferentes vídeos nos que trece especialistas comentarán todos os aspectos que cómpre definir para poder retomar a actividade cultural tras o confinamento: os protocolos de seguridade, os novos formatos, a transformación dixital... A análise de hoxe céntrase en definir os protocolos e a confianza da nova normalidade.
A terceira cita do ciclo céntrase na análise dos principais ámbitos e liñas de acción que durante as primeiras conversas identificáronse como prioritarios para o futuro da xestión e políticas culturais en Galicia. Esta sesión divídese en 4 apartados: a relación co tecido cultural do territorio, o camiño da nova normalidade (que tratará sobre protocolos, seguridade e confianza), os novos formatos e a transformación dixital. Cada día emitirase no web do Consello da Cultura Galega un vídeo de cada bloque, cunha duración duns 20 minutos e no que se inclúen intervencións breves dos relatores e relatoras.
Hoxe
Abordarase como dixemos a cuestión da seguridade e a confianza no público. Para analizar estas temáticas participarán na xornada de hoxe Xosé Manuel Blanco (presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais e responsábel de Nalgures Producións), Julio Gómez (codirector de Sinsal) e Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo).
O mércores
O mércores analizarase a relación co tecido cultural do territorio. Para iso estará Emi Candal (socia de Urdime e responsábel da Sectorial de Cultura de Unión de Coperativas Espazocoop), Fran G. Quiroga (investigador e axente cultural independente) e Dani Cánovas (animador sociocultural no Padroado da Cultura de Narón).
O xoves
Os novos formatos xuntarán a Nacho Fungueiriño (socio de Culturactiva), Vanesa Siso (concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade no Concello de Vilalba) e Marcos López (responsábel de Viva Lugo) e poderase ver o xoves.
O venres
A transformación dixital pecha o venres esta sesión con Carmen Suárez (dinamizadora TIC en San Sadurniño), Ruth Sousa (responsábel de mediación dixital en BenCuriosa) e María Yáñez (directora de Vinte).

PUBLICIDADE