O CCG activa un proxecto web para difundir as artes visuais galegas

mércores, 2 de setembro do 2020 Redacción

O Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha un proxecto web para difundir as artes visuais galegas, un catálogo de creadoras e creadores entre os que figuran nomes tan senlleiros como Mónica Alonso, Xoán Anleo, Manuel Sendón ou Tatiana Medal así como personalidades de diferentes ámbitos que ofrecen unha lectura sobre esas obras. Estes son os ingredientes de Na voz da obra, unha nova iniciativa online que arrinca este mércores 2 de setembro coa ollada de Celso Fernández Sanmartín sobre a peza A memoria do álbum. 1 de Manuel Sendón (A Coruña, 1951).
O proxecto, antecedentes
En xuño cumpríronse dez anos da presentación do proxecto Atalaia, Arte Contemporánea en Galicia, un arquivo virtual de artistas actuais de Galicia, impulsado polo CCG desde a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas. A iniciativa nacía co obxectivo de ofrecer ao público un achegamento informativo e o máis global posíbel do contexto das artes visuais en Galicia. “Atalaia”, segundo informou o consello da cultura, “é unha base de datos, un directorio e un centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia”.
Sobre este material abrolla agora Na voz da obra, que pretende poñer en valor este arquivo visual desde a relectura doutra mirada allea.
Cada mércores, unha persoa convidada escollerá unha obra da base de Atalaia e fará un comentario sobre ela dende a ollada crítica do audiovisual, a estética, a poesía, a música, a ciencia ou a filosofía. “Deste xeito, a voz dialogará coa obra nun xogo de experiencia sensorial múltiple arredor dunha obra de arte da man dunha figura de diferentes áreas”, engade o CCG.

PUBLICIDADE