O CCG achega unha serie web que mostra o pensamento das mulleres invisibilizadas da filosofía

xoves, 17 de novembro do 2022 S. P.

O Consello da Cultural Galega presentou este 17 de novembro un novo proxecto cultural e tecnolóxico que aposta de cheo polos novos formatos do audiovisual e que reivindica a importancia das filósofas (moitas delas invisbilizadas ou ocultas polas figuras masculinas que estaban ao seu carón) e a vixencia do seu pensamento. Trátase da serie web Shopias, protagonizada por grandes pensadoras como Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou a galega María Xosé Agra, entre outras.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou a iniciativa este no IES Politécnico de Vigo, un proxecto que “inclúe dunha maneira moi especial a visión que as mulleres tiveron dentro da historia”.
Euloxio Santos Leites, director do centro agradeceu a elección deste que ten case un século de historia formando profesionais con pensamento crítico.
Pola súa banda, Carme Adán, responsábel do proxecto xunto con Cristina de la Torre, dixo que “hoxe é un día de festa e de reivindicación histórica porque no Día Mundial da Filosofía traemos o pensamento das mulleres filósofas que foron esquecidas, invisibilizadas na historia do pensamento”.
Os audiovisuais son interpretados por María Roja e Marta Pérez, que estiveron tamén presentes nun acto no que a filósofa María Xosé Agra ofreceu un relatorio sobre a importancia das mulleres na filosofía.
Segundo engadiron, Sophias toma o seu nome do concepto grego de sofía, que significa sabedoría, para darlle resposta á demanda dun grupo de profesoras e profesores de Filosofía de dispor de contidos audiovisuais para introducir o pensamento das mulleres no ámbito escolar. O proxecto escolma autoras destacadas da historia do pensamento e céntrase nos temas de debate que abriron para “contalos nun formato breve e nunha linguaxe audiovisual contemporánea”.
Como dixemos, Cristina de la Torre é a responsábel dos vídeos, que contaron con guión de Carme Adán, Iolanda Martínez, Manuel Torres, Jorge Álvarez, María del Toro, Celia Pereira, Zeltia Laya e África López Souto.
A serie web está protagonizada por Marta (interpretada por Marta Pérez) e María (María Roja), dúas compañeiras de traballo que, nos seus encontros, atopan sempre un motivo para filosofar coas ideas das mulleres que forman parte da historia do pensamento. O primeiro capítulo, titulado “Póker de sabias, aborda as filósofas da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen. O segundo, Iluminadas, afonda nas voces de Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges, invisibilizadas en favor de Rousseau ou Kant, referentes do Século das Luces. O terceiro capítulo é A filósofa do sacho e céntrase na pensadora e activista Simone Weil, que, malia o seu falecemento cando tiña só 34 anos, deixou unha obra extensa e profunda marcada pola revisión do marxismo e a mística.
Simone de Beauvoir protagoniza o cuarto capítulo, Movendo os marcos, no que se propón unha reflexión sobre como vería a pensadora máis coñecida da historia os avances presentes en igualdade.
O quinto capítulo, Hannah, introduce o pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara os totalitarismos.
Un xogo de capas narrativas e visuais con parada e fonda no Entroido galego é a proposta do capítulo sete, onde se repasan as ideas de Judith Butler respecto á identidade sexual e os tipos de violencia, temas que centran algúns dos seus traballos.
O proxecto tamén destina un capítulo, Cancelo Agra, a falar de María Xosé Agra, a muller máis importante da filosofía galega tanto polas achegas do seu pensamento, centrado na idea de xustiza e igualdade, como polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia.

PUBLICIDADE