O CCG achega en liña arquivos sonoros de Ramón Piñeiro, homenaxeado este ano na festa das Letras

venres, 8 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Ramón Piñeiro nunha imaxe da editorial Galaxia

A Internet galega comeza xa a pechar fileiras, de xeito especialmente activo, arredor da vida e da obra da figura do escritor e investigador de Láncara (Lugo) Ramón Piñeiro, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Comezamos esta nosa achega de recursos web ligados á devandita data e ao dito autor galego dando conta dunha das máis salientables propostas de introdución á súa figura, a que vén da man do Consello da Cultura Galega tirando partido das opcións de canle que ofrece a Rede, máis polo miúdo das vantaxes que esta ofrece para pór ao noso alcance documentos sonoros. Disto trata precisamente o apartado Ramón Piñeiro: unha voz na colección do ASG: dez arquivos coa propia voz de Ramón Piñeiro achegando os seus puntos de vista sobre temas como as fundacións, o galeguismo, a editorial Galaxia ou as culturas minoritarias europeas.
As pezas, postas en liña grazas ao Arquivo Sonoro de Galicia, o Consello da Cultura e os distintos doantes particulares das mesmas (dos que damos conta máis adiante), poden ser escoitadas en calquera medio ou soporte, deixándose marxe para a súa reprodución sen permiso previo sempre e cando se acredite a súa procedencia e non se faga delas uso comercial (a súa licenza é Creative Commons 3.0).
Os arquivos en cuestión, que teñen unha duración variable (entre os preto de dous minutos e os catorce), están extraídos de diferentes intervencións de Piñeiro (galeguista senlleiro, no seu día presidente do propio Consello da Cultura Galega) ao longo da súa actividade de reflexión arredor de Galiza e o seu lugar en España, Europa e no mundo. As pezas, como dixemos, proceden de diferentes fontes: entre outras, son doazóns de Avelino Pousa Antelo, a Asociación O Facho, o Liceo Recreo Ourensán, o Patronato da Cultura Galega de Montevideo, o Parlamento de Galicia, Antón Mascato ou A Nosa Terra.
Por certo que o CCG tamén ten previsto lanzar en breve o cartafol e CD Otero Pedrayo mestre da cultura galega de Ramón Piñeiro.

PUBLICIDADE