O CCG achega á Rede audiovisuais sobre a música galega de raíz: Crossing borders

martes, 24 de outubro do 2023 S. P.

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este martes 24 de outubro os detalles dun novo proxecto audiovisual para público internacional: Crossing borders. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o coordinador do proxecto, Manuel Gago, deron en a coñecer tres pezas audiovisuais subtituladas en inglés que, da man de creadores como Mercedes Peón, Baiuca (Alejandro Guillán) e Uxía Senlle, entre outros, mais os expertos Óscar Losada e Marina Fernández, “percorren a evolución, as especificidades e as claves do éxito da música de raíz (TRAD)”, sinalaron.
Antecedentes
En outubro de 2022, como antesala da Feira do Libro de Frankfurt na que España era o país convidado e cuxo lema era Creatividade desbordante, o CCG puxo na Rede tres pezas audiovisuais baixo o titulo Galicia, a literature to explore / Galicia, unha literatura por descubrir. Con elas buscábase promover a creación da cultura galega contemporánea a través de materiais bilingües. “Aquel proxecto”, explicaron Álvarez e Gato, “enriquécese neste 2023 coa presentación dun produto audiovisual que se sitúa na senda doutro grande evento, a celebración de Womex, a prestixiosa feira de música de raíz e folk que arrinca este mércores na Coruña”. Nesta ocasión, Crossing borders pon na Rede un proxecto audiovisual en tres capítulos que profunda na confluencia de estilos, públicos e territorios neste xénero musical.
Tres audiovisuais, tres fronteiras
O formato consiste en tres vídeos curtos filmados en 4k que se achegan á música de raíz galega desde tres ideas. A primeira, Fronteiras de público, profunda nos novos públicos e conta coa presenza de Bieito Romero, Óscar Losada e Tanxugueiras. A segunda das ideas está encamiñada a explorar as Fronteiras de estilo, isto é, a hibridación e a confluencia de estilos diferentes. Participan Baiuca, Mercedes Peón, Marina Fernández Vigo e Óscar Losada. A última idea son as Fronteiras culturais, coa presenza de Abe Rábade, Uxía e Marina Fernández Vigo. Todos estes materiais audiovisuais compleméntanse con reportaxes elaboradas por culturagalega.gal. Pódese acceder a este proxecto desde culture.gal, un espazo web do Consello da Cultura Galega orientado a un público internacional.


PUBLICIDADE