O Boletión Oficial da Provincia de A Coruña abandonará o papel en marzo

xoves, 22 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Salvador Fernández Moreda presentando o novo boletín electrónico na Fundación Caixa Galicia de A Coruña

O Boletín Oficial da Provincia de A Coruña abandonará o papel o próximo mes de marzo, e a partir desa data a consulta e xestión de anuncios e edictos formalizarase exclusivamente a través da Internet, con acceso universal, gratuíto e total validez xurídica.
Así manifestouno o presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, no acto de presentación do novo boletín electrónico, celebrado esta mañá na sede da Fundación Caixa Galicia coa participación de representantes provinciais, municipais e de colexios profesionais, organizacións e colectivos habituais usuarios do BOP.
Ademais da actual edición impresa, o BOP pódese consultar tamén en Internet dende 1998 data na que se aloxou por primeira vez na páxina web da Deputación o contido desta publicación oficial. Dende entón rexistráronse consultas millonarias. Só en 2008 se computaron un total de 5,5 millóns de accesos, cunha media de 455.000 ao mes. Paulatinamente, segundo os datos achegados por Fernández Moreda, descendeu a edición impresa, pasado dos 2.000 exemplares diarios de 1998 aos 500 de hoxe, dos que catrocentos corresponden a subscricións anuais. Na actualidade só é de consulta, pois a garantía xurídica se outorga ao BOP en papel.
O acto desta mañá serviu para que os técnicos da Deputación de A Coruña, encargados da nova edición telemática do BOP, e o propio presidente provincial, expuxeran algúns dos beneficios do novo BOP Electrónico.
O Boletín Electrónico disporá dun sistema de subscricións selectivas, que permitirá aos usuarios que teñan esta condición recibir a diario, e a través do seu correo electrónico, sen custo ningún, os avisos sobre os asuntos ou materias que elixiran previamente, segundo o explicado polo presidente provincial, Salvador Fernández Moreda.

PUBLICIDADE