O Blu-Ray deixa atrás ó HD DVD na conquista do mercado

martes, 24 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A evolución da tecnoloxía audiovisual para o fogar non rematou co DVD. De feito, case caía de caixón que ese non ía ser o final, tendo en conta que a historia tende a repetirse e a avanzar en círculos máis ca en liña recta para rematar nun punto concreto. Iso explica que moitos dos que vivimos a loita entre os sistemas Beta e VHS dos anos 80 teñamos agora a sensación de estar nalgún tipo de revival ou deja vu tecnolóxico.
Só que agora os papeis están cambiados: se daquela perdeu Sony no gran mercado co seu Betamax, agora semella que terá unha boa ocasión de sacarse a espiña do costado, porque o seu formato de DVD de alta definición Blu-Ray está xa a comerlle as papas ó que poderiamos chamar o seu gran rival, o HD DVD que vén da man de Toshiba.
Isto non o dicimos nós (que temos, cómpre confesalo, un aquel de predilección polo HD DVD, por aquilo de ser máis popular e accesible), senón iso que vimos chamando “mercado” e que case nunca semella representar a suma dos diferentes sentidos comúns dos clientes e consumidores.
O caso é que o 70% dos discos de altas definición mercados en Estados Unidos no primeiro trimestre de 2007 eran discos Blu-Ray, fronte ó 30% restante, que eran HD DVD, segundo apunta un estudo de Home Media Magazine recollido por Baquia.com. Polo visto, a clave estivo no mes de febreiro, que foi o mes no que o formato de Sony tomou de xeito definitivo a dianteira, chegando a marzo cunha clara vantaxe sobre Toshiba: de cada catro reprodutores que se venderon nese mes naquel país, tres eran da firma xaponesa.
As razóns do éxito son finalmente as mesmas de sempre: Sony ten máis e mellor situados “padriños” na industria do audiovisual ca Toshiba. Sexa como sexa, cómpre que teñamos en conta as diferenzas entre unha e outra tecnoloxía antes de que inflúan sobre nós as presións dos grandes da industria. Relembremos.

Diferenzas
· O Blu-Ray é un formato de disco óptico pensado para almacenar vídeo de alta calidade e datos, que pode chegar a albergar uns 54 Gb (o modelo de dúas capas), mentres que o outro gran candidato, o HD DVD é un modelo cunha capacidade de almacenamento menor (45 Gb o modelo de 3 capas). Os modelos simples, dunha soa capa son de 25 Gb o de Blue-Ray e de 15 Gb o de HD-DVD.
· O Blue-Ray vai ser máis caro (entre 2 e 4 veces) que o HD-DVD, pois, ademais de ser unha tecnoloxía moito máis innovadora, obriga ás compañías a cambiar moitas máquinas da cadea de produción do DVD, o que se traducirá nunha dificultade para adaptarse ó mercado tan ben como o dispositivo de Toshiba.
· O Blu-Ray é inicialmente máis delicado ás rabuñaduras e ós golpes, aínda que isto estase a corrixir.

Semellanzas
· Ambos baséanse na tecnoloxía do Láser Azul.
· Ambos reprodutores teñen o mesmo tamaño.
· Tamén teñen o mesmo tamaño os discos, que coinciden co tamaño dos antigos CD/DVD, é dicir, 12 centímetros de diámetro.
· O formato de compresión de vídeo é o mesmo para ámbolos dous.

PUBLICIDADE