O Bloque supera en Twitter os 4.000 seareiros

xoves, 16 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O Bloque Nacionalista Galego vén de facer reconto dos seus seareiros nas redes sociais Twitter e Facebook, as dúas ferramentas estrela do que se coñece como Internet 2.0. Pois ben, segundo informa o partido, a conta en Twitter (@obloque) superou os 4.000 seguidores, feito que converte ao BNG na agrupación política galega que máis seareiras/os xunta na devandita rede social. Segundo se engade, estas cifras responden principalmente ao interese do Bloque por tirar o máximo partido da novas tecnoloxías, facendo especial fincapé naquelas de meirande proxección.
O BNG”, infórmase, “na súa continua aposta polas novas tecnoloxías, mantén unha intensa actividade nas redes sociais que se demostra con este incremento no número de seguidores; fronte a esta cifra, no PSdeG acadan os 1.758 seguidores e 2.529 o PpdeG”.
E engaden fontes do partido galego: “Dende a conta @obloque producíronse xa máis de 6.400 chíos nos que se relatan as diferentes actividades sociais ou institucionais dos representantes do BNG (dende intervencións en institucións até concentracións, mobilizacións ou posicionamentos políticos)”.
Por certo que no Facebook o BNG xa superou a liña das/os 4.300 seareiras/os.

PUBLICIDADE