O BlackBerry Z10 podería chegar ao mercado esta mesma semana

martes, 29 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Mañá pola tarde será o evento de presentación da nova plataforma BlackBerry 10, que será a última esperanza de RIM para recuperar o mercado perdido nos últimos anos, e que virá acompañado por novos móbiles que segundo distintas informacións serían inicialmente un terminal con teclado QWERTY (X10) e outro con pantalla táctil (Z10), buscando satisfacer así a distintos tipos de usuarios, pero a súa chegada ao mercado podería ser moito máis rápida do que algúns agardaban, e este mesmo xoves xa poderían encargarse algúns dos novos BlackBerry.
Segundo un documento filtrado e publicado por The Verge, Vodafone (cando menos no Reino Unido) vai aceptar pedidos do agardado BlackBerry Z10 en cor negra vía web tras o remate da presentación de RIM, tendo xa unidades nas tendas o vindeiro xoves, mentres que os interesados en terminais de cor branca deberían agardar a mediados do mes que vén para poder facerse con un.
Pero as informacións adiantadas non rematan aí, e cando aínda non se coñece oficialmente a existencia do BlackBerry Z10, dende Xataka xa publican os prezos que terá con Vodafone en España. Con alta ou portabilidade o novo smartphone poderá adquirirse por 516 euros, reducíndose o prezo a 149 euros de contratarmos mediante portabilidade, renove ou migración unha tarifa Base de 25 euros/mes, reducíndose tal prezo progresivamente ata os 0 euros cunha tarifa RED 2 de 66 euros/mes (nas tarifas mencionadas habería un compromiso de permanencia de 24 meses). Temos así que o novo smartphone de RIM estaría nun rango de alta gama como outros móbiles como o Sony Xperia Z, que manterase na mesma estrutura de prezos, aínda que custando 4 euros máis sen permanencia).

A versión branca do BlackBerry Z10 chegará a mediados de febreiro

PUBLICIDADE