O BlackBerry PlayBook incorpora soporte de galego

venres, 22 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Parece que o tablet de RIM está a ser un grande fracaso, non só comercialmente, senón tamén no que ao seu sistema operativo se refire, que está a amosar moitas carencias que forzan á publicación de actualizacións constantes, que por outra banda incorporan outras prestacións pouco habituais e que serían de agradecer noutros trebellos, coma o maior soporte de linguas. Así chega a actualización a BlackBerry Tablet OS 1.0.7, que incorpora melloras como a posibilidade de gravar documentos adxuntos na memoria interna do dispositivo ou nunha tarxeta SD na aplicación BlackBerry Bridge, que tamén incorpora soporte de adxuntos en ZIP. A actualización tamén incorpora o soporte do modo vertical na aplicación de imaxes e a posibilidade de facer zoom cos dedos na aplicación de vídeo, aínda que o máis relevante de todo para nós que é adaptaron a súa interface a 15 novas linguas, entre as que figura o ruso, o romanés, o turco, o sueco, o portugués (de Portugal e de Brasil), o polaco, o noruegués, o indonesio, o húngaro, o danés, o checo, o catalán, o vasco e o galego.
Esta actualización pode descargarse de balde, e supón un paso máis de RIM e acadar a estabilidade dos seus tablets.

PUBLICIDADE