O Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames estrea a súa vertente formativa este sábado 9

venres, 8 de xullo do 2022 S. P.

A recentemente creada Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre de Ames, xunto co seu Banco de Reciclaxe Electrónica, pon en marcha o seu primeiro obradoiro dende o comezo da súa actividade. O servizo, nado da colaboración entre a Concellería de Benestar Social e AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre), iniciará esta vertente formativa cun taller de reparación e reciclaxe de altofalantes, este sábado 9 de xullo, de 10:30 a 13:00 horas. A oficina están situadas no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.
O obradoiro de reparación e reciclaxe de altofalantes buscará que aprendamos a darlle unha nova vida aos devanditos aparellos de audio, xa sexa por exemplo como parte dun equipo de música ou en pequeno formato, adaptado para usarse con móbiles ou tabletas. A proposta desenvolverase de 10:30 a 13:00 horas, nas instalacións da oficina e do banco, situadas no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.
Esta primeira iniciativa deste novo servizo busca pular polos obxectivos marcados na súa creación, entre os que se atopan reducir a fenda dixital, aumentar a alfabetización dixital, dar a coñecer e facilitar o acceso ao software libre, ou reducir o lixo electrónico, fomentando a reciclaxe a aumentando a vida útil dos nosos dispositivos.
Neste senso, actuarase dende o Banco de Reciclaxe, onde se recollen equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para persoas con menos recursos, e dende a Oficina de Software Libre, que divulgará sobre novas tecnoloxías, resolvendo dúbidas e dando cursos de formación e actividades de alfabetización dixital.

PUBLICIDADE