O Banco de Inglaterra lánzase a explorar as redes sociais na procura de información económica de valor

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Redacción

O Banco de Inglaterra vén de habilitar un equipo técnico de profesionais adicado en exclusividade a avaliar a información xerada en Internet e as redes sociais co obxectivo de elaborar previsións e predicións de tipo económico e financeiro. Con esta iniciativa, a entidade británica (que é a que se determina a política que vai seguir o Reino Unido en materia de finanzas), quere ampliar ao máximo os escenarios de onde tira información de valor, usando as redes para extraer datos que lle permitan anticiparse a todo tipo de fenómenos e incidentes relativos á economía nacional. Segundo se informa, o Banco desexa vixiar de preto como evoluciona a recuperación produtiva do Reino Unido, considerando que as comunidades 2.0 poden achegar en boa medida voces fiábeis e inmediatas, síntomas e, en última instancia, remedios a aplicar.
Os especialistas, por certo, xa están operativos, e entre os seus primeiros cometidos atopouse o de avaliar a frecuencia coa que buscan emprego os cidadáns internautas (posíbeis eivas laborais futuras) ou as tendencias e os comportamentos que seguen os prezos dos produtos que se venden por Internet (posíbeis inflacións). A xuízo dos responsábeis do Banco, as estatísticas oficiais non son todo o inmediatas que sería de desexar, pola contra “o que a exploración da Rede pode facer é darnos unha lectura mellor do que está a pasar hoxe”.
Segundo se conta nos medios, o equipo constituído pola entidade financeira está integrado por expertos en analítica. O seu labor consiste, en parte, en dar forma a modelos e algoritmos que faciliten a xeración de información salientábel na morea de información xerada nas redes. Ou sexa, que son recursos destinados a separar o gran da palla. O Banco tamén salienta que a posta en marcha deste observatorio supón un cambio de rumbo significativo do organismo respecto das metodoloxías tradicionais, cambio cara ao ámbito 2.0 que de seguro terá repercusión noutras entidades europeas de semellante cometido.

PUBLICIDADE