O BNG transmitirá pola Rede a asemblea que designará a Quintana como candidato á presidencia da Xunta

mércores, 1 de outubro do 2008 Raquel Noya

Alberte Ansede amosa o cartel promocional da Asemblea Nacional Extraordinaria do BNG

O vindeiro día 5 de outubro, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) vai designar a Anxo Quintana como candidato da formación nacionalista á presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas.
Baixo o lema Un proxecto transformador, un presidente para a nosa nación, os nacionalistas celebrarán unha asemblea nacional extraordinaria, na que delegados das 24 agrupacións da formación proclamarán o seu candidato ás eleccións galegas do vindeiro ano, e que foi elixido de xeito maioritario polas bases.
A asemblea, que dará comezo ás 11 horas da mañá do domingo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, e rematará ás seis da tarde coa intervención do xa candidato nacionalista. A web oficial do partido político retransmitirá en directo o evento, a través da ligazón TeleBNG, accesible dende a mesma.

PUBLICIDADE