O BNG solicítalle ao Goberno un estudo sobre a cobertura de Internet no rural

xoves, 5 de xuño do 2008 Raquel Noya

A cobertura de Internet de banda larga no rural galego é unha cuestión que está a dar moito que falar na Cámara Alta, sobre todo dende que o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, denunciara perante a mesma que a cifra do 99 por cento de cobertura real que dera o Goberno en relación ao tanto por cento do rural galego cuberto pola banda larga era “totalmente falsa”. Desta volta, Pérez Bouza, volve a meter o dedo na ferida ó presentar unha moción na Cámara Alta na que insta ao Goberno a “realizar un estudo serio e rigoroso sobre a cobertura real de Internet de banda larga” nos núcleos de poboación incluídos no Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) e que este estudo se publique antes de finais deste ano.
O senador nacionalista considera que os dados ofrecidos recentemente polo ministro de Industria, Turismo e Comercio así como os que aparecen publicados na web pública www.bandaancha.es “non se corresponden coa realidade xa que en Galiza moitos núcleos de poboación rural seguen sen ter cobertura de internet, e cando a teñen, é de calidade inferior e a un prezo superior á das zonas urbanas”.
É por iso que agora o senador do BNG vén de solicitar un estudo máis preciso no que se indique claramente se os obxectivos do Plano PEBA, que en Galicia executa Telefónica. se cumpren ou non.

PUBLICIDADE