O BNG presenta a súa nova web electoral con vistas aos comicios do 20-N

xoves, 3 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar a súa nova web electoral, un sitio onde se quixeron incrementar os vieiros de contacto coa cidadanía ao tempo que se dá conta, polo miúdo e dun xeito accesíbel e nidio, de tódalas novidades referentes ao programa do dito partido en relación aos comicios do 20-N. O sitio en cuestión, tamén dá acubillo á información xenérica sobre o BNG e as súas diferentes propostas políticas, sociais, económicas e culturais, converténdose nun complemento da web oficial da organización, bng-galiza.org e máis dos diferentes espazos nas redes sociais dos candidatos nacionalistas.
En definitiva e segundo apunta o Bloque, a nova web é un acceso directo ao programa electoral do BNG “centrado na defensa dos intereses de Galiza en Madrid e na aposta por un xiro na política económica que defenda os postos de traballo e os servizos sociais públicos fronte á ameaza dos mercados”, apuntan fontes do partido. A páxina ofrece tamén unha completa listaxe de datos sobre tódolos actos de campaña do BNG, as propostas do nacionalismo galego e un perfil dos candidatos, ademais de vídeos e outros soportes multimedia e a posibilidade de colaborar na campaña.

PUBLICIDADE