O BNG pide que se habilite a tecnoloxía para ver dende Galiza as televisións dixitais portuguesas

mércores, 21 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

O voceiro do BNG nunha captura de CNN+.

Seguen a medrar as voces que esixen a eliminación dos atrancos tecnolóxicos que nos impiden ós galegos e ás galegas ter acceso ás televisións portuguesas a través de formatos e canles dixitais. Se hai algúns días falabamos nesta mesma web das demandas da Fundación Vía Galego, agora é o BNG quen colle a testemuña, e vén de facelo perante o Congreso dos Deputados, onde o seu voceiro Francisco Rodríguez presentou unha serie de propostas para habilitar en Galiza un novo múltiplex que permita ver na nosa terra os contidos televisivos dixitais do país irmán.
Estas demandas ó Goberno central apóianse en parte na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, tratado europeo asumido polo Estado español en 2001 no que se especifica que “se debe garantir a recepción directa de emisións de radio e televisión de países veciños nunha lingua usada en forma idéntica ou similar a unha rexional ou minoritaria”. Segundo Francisco Rodríguez, O Consello de Europa estableceu en 2005 que esta disposición afectaba á recepción en Galiza das radios e televisións portuguesas.
Se finalmente se adoptasen medidas para permitir o acceso dos galegos a estes contidos dixitais (medidas que xa se levaron a cabo en Catalunya, Baleares e Valencia), non só se estarían a fortalecer as tecnoloxías e as plataformas en si mesmas, senón as propias posibilidades de intercambios culturais máis fondos entre Galiza e Portugal, subliñou Francisco Rodríguez.

PUBLICIDADE