O BNG insta ao Goberno a crear un órgano público que xestione o canon dixital

xoves, 30 de abril do 2009 Raquel Noya

A polémica xurdida en torno ao canon dixital, esa remuneración económica que reciben os autores, editores, produtores e artistas en compensación polas (supostas) copias que se fan dos seus traballos no ámbito privado, (e dicimos supostas porque non todos os soportes e equipos que se adquiren no mercado van destinados a esta fin, por moito que insistan dende as entidades de xestión dos dereitos de autor), lonxe de rematar, está cada vez máis no ollo do furacán pois semella que ninguha das partes afectadas cede para chegar a un consenso.
Desta volta, a problemática chegou ao Parlamento da man do senador doBNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen vén de presentar unha iniciativa na que lle propón ao Goberno que sexa un organismo público, coa participación das Comunidades Autónomas, o que se encargue de recadar e xestionar o canon dixital e o canon por dereitos de propiedade intelectual. Para o senador, un órgano común e de carácter público “garantiría unha maior transparencia e beneficio social da propiedade intelectual”.
Pérez Bouza lembroulle aos alí presentes que o Consello de Consumidores e Usuarios, “xa propuxo en 2008 a posibilidade de crear unha entidade pública de xestión e recadación, ao tempo que criticaba que as compensacións por copia privada quedaran en mans das industrias e das entidades de xestión, sen que os consumidores puidesen participar na súa determinación e control”.
Na mesma liña, afirmou, pronúnciase un recente infome da Axencia Estatal de Avaliación das Políticas Públicas (AEVAL) sobre o funcionamento das entidades de xestión e recadación dos dereitos de autor, ao defender “unha maior regulación pública sobre aspectos que actualmente deciden de xeito unilateral as entidades de xestión”.
Neste senso, o informe presentado polo nacionalista galego, recoméndalle ao Goberno, entre outras medidas, “plantexar a eficacia dun órgano común de recadación para aproveitar as economías de escala ao menos no referente á remuneración por copia privada”.
Engade asemade que non está previsto que a Unión Europea regule a curto prazo o modelo de xestión dos dereitos colectivos de propiedade intelectual por medio de entidades de xestión, polo que conclúe que “en principio, non existen inconvenientes para facer as reformas que o lexislador español considere oportunas”.

PUBLICIDADE