O BNG denuncia a situación da banda larga no rural galego

xoves, 6 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Aymerich e Blanco Parga durante a rolda de prensa

Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG, e Fernando Blanco Parga, voceiro de Industria e Novas Tecnoloxías, ofreceron unha rolda de prensa para denunciar a insuficiencia dos 2 Plans de Extensión da Banda Larga (PEBA1 e PEBA2) do Ministerio de Industria que debería achegar a Internet ó rural galego a unha velocidade aceptable.
Aymerich denunciou que o Mnisterio está a facer unha «avaliación incorrecta» da situación galega, onde son quedarían 1.700 núcleos sen cubrir en toda Galicia, o que a xuízo do voceiro do BNG poden desmentir moitos galegos pois «non é certo que exista unha boa cobertura de Internet con acceso a banda larga no rural galego».
Blanco Parga denuncia que as estimacións son incorrectas porque Telefónica considera que un núcleo poboacional está cuberto cando a banda larga chega ó 80% da poboación. Tamén engadiu que as conexións no rural teñen unha deficiente calidade de servizo e uns prezos elevados.
Comentou que o ADSL rural ten un largo de banda de 512 Kbps e os servizos de WiMAX e satélite só chegan ós 256 Kbps mentres que nos contornos urbanos o mercado oferta conexións de entre 1 e 10 Mbps.
No tocante ós prezos, nas cidades se están a pagar conexións de 30 euros/mes por conexións de ADSL, mentres que no rural os usuarios de conexións por satélite poden chegar a pagar 100 euros/mes (cunha alta de 120 euros) polo que se «incrementa a fenda dixital en Galiza».
O voceiro de Industria e Novas Tecnoloxías do BNG tamén denunciou que as conexións de banda larga en Galicia só chegan ó 25% dos fogares, moi por debaixo do 39% da media estatal, que en moitos casos vén producido pola imposibilidade de contratar unha conexión deste tipo por falta de cobertura.
Con todo isto en conta o BNG anuncia que presentará unha proposición non de lei e mocións nos concellos nas que se demanda que o Ministerio de Industria garanta ó 100% dos galegos o acceso á banda larga cuns estándares de calidade que dean conexións cun mínimo de 1 Mbps de velocidade e cun prezo semellante ó das zonas urbanas.

PUBLICIDADE