O BNG busca dirixir a política TIC da Xunta na vindeira lexislatura

mércores, 4 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O Goberno actual da Xunta de Galicia conta con iniciativas duplicadas en distintas consellarías, especialmente no tocante as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, polo que dende o Bloque Nacionalista Galego propoñen a creación dun único órgano que controle a política tecnolóxica da Xunta, apostando especialmente polo espallamento da banda larga e a promoción do software libre, segundo publicou A Nosa Terra.
O BNG leva estes asuntos no seu programa electoral, no que se recoñece que na actualidade estanse a desperdiciar sinerxías porque as competencias en tecnoloxía «fican en tres consellerías diferentes, esta situación por veces duplica iniciativas, réstalles impulso ás diferentes actuacións e desperdicia as sinerxías», e como exemplo desta falta de coordinación citan o caso dos 2 tradutores automáticos ao inglés: un creado por unha firma catalá co financiamento de Política Lingüística (dependente do PSdeG) e outro da galega Imaxin coa subvención de Industria (dependente do BNG).
No tocante á banda larga, Industria xa prepara unha alternativa a desenvolvementos coma o de Telefónica, que non deu bos resultados en achegar a Rede ao rural galego, e poñen coma meta o ano 2013 para que exista «plena cobertura da poboación (..) en banda larga comercial».
O programa do BNG tamén recolle a promesa de «tramitar, nos dous primeiros anos de lexislatura, un decreto de uso dos estándares abertos na administración», continuando a apostar polo labor de Mancomun.org.

PUBLICIDADE