O BNG avoga por un pacto pola ciencia que estabilice o investimento en I+D+i no 2% do PIB

mércores, 27 de abril do 2022 S. P.

A comparecencia de Francisco Conde no Parlamento de Galicia deste 25 de abril, dando conta dos detalles da Estratexia RIS3 de Especialización Intelixente 2021-2027, tivo réplica por parte do BNG, a través da viceportavoz Olalla Rodil, quen comezou a súa intervención tendendo unha man ao Goberno autonómico para “acordar un pacto galego pola ciencia que permita converter a I+D+i en motor de desenvolvemento do país situando de xeito constante e o financiamento público do sistema de innovación no 2% do PIB”.
Segundo criticou Rodil, a estratexia “non corrixe as eivas detectadas na anterior estratexia”, cuxos resultados, comentou, “fracasaron nun dos ámbitos de actuación fundamentais para Galiza, que son as empresas innovadoras”. Estas, dixo, “reducíronse nun 14% (de 997 a 853)”, e ademais “o número de patentes pasou de 146 a 73, cando o obxectivo ademais era de 153, e o investimento en I+D+i atópase no 0,97% cando o obxectivo era alcanzar o 1,7% do PIB”, comentou.
“Non é que non acadaran obxectivos, é que estamos en peor posición hoxe que a que tiñamos cando se elaborou a RIS3 anterior”, recriminou a tamén portavoz parlamentaria de Ciencia e Innovación, quen ademais censurou que “a nova estratexia só se enfoca na innovación empresarial esquecendo por completo a ciencia e a investigación e, o máis importante, as persoas que investigan e producen coñecemento”.

PUBLICIDADE