O BNG amosa a súa nova faciana nas redes sociais

venres, 2 de xuño do 2017 Redacción

O BNG vén de renovar a súa imaxe e está a visualizar os cambios, a esgalla, nas redes sociais. As actividades de presentación “estrela” son, por unha banda, un vídeo no YouTube que leva por título Querémoste!, e pola outra, unha manchea de imaxes de simpatizantes dando conta do identificativo gráfico acabado de estrear. No vídeo faise un percorrido pola traxectoria da formación política galega (35 anos de historia) até chegar aos nosos días, nos que se quere mostrar un “Bloque renovado que mira ao futuro e que quere, da man de todas e todos, construír unha Galiza mellor”.
A peza audiovisual conta coa presenza dea portavoz Ana Pontón achegando o fío condutor e narrativo. Son dous minutos que fan referencia a “un tempo novo” que se reflicte tamén no cambio de logotipo.
O novo logo (unha feitura gráfica que fornece, en palabras do BNG, “unha agrupación actual e próxina”), o devandito vídeo e máis o roteiro a seguir pola formación política no tempo presente estanse a promover tamén no Facebook e máis no Twitter, con ducias de imaxes dos simpatizantes de todas as idades e procedencias amosando (a título individual e en grupo) a renovada imaxe do partido.

Vídeo promocional do cambio de imaxe do BNG

PUBLICIDADE