O BNG alerta das repercusións negativas para Galicia do inminente ERE de Telefónica

venres, 22 de decembro do 2023 Redacción

O deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo advertiu esta mañá das consecuencias que pode ter en Galicia o anuncio de despedimento colectivo no grupo Telefónica tanto no plano laboral como sobre a calidade do servizo que presta no noso territorio.
A nivel laboral, subliñou que en termos relativos o impacto se prevé maior que no resto de España, pois segundo as previsións iniciais o ERE proposto pola empresa afectaría a 339 das 600 que persoas prestan servizos actualmente en Galicia (máis da metade), cando a nivel estatal a proposta primeira da empresa afectaría a 5.124 traballadores, unha terceira parte do cadro de persoal.
Trátase, asegurou o deputado nacionalista, «dun novo paso adiante» nun camiño que Telefónica xa iniciou hai tempo, e que na Galiza supuxo unha «amortización brutal» de postos de traballo nos últimos anos, ao pasar o número de persoas que traballaban na compañía de 1.505 no 2011 ás 339 previstas para despois deste novo ERE, o que supón unha redución do 77% do persoal.
Fernández Alfonzo preguntou ao Goberno do PP polas súas xestións ante o anuncio do ERE de Telefónica na Comisión 6ª, na que puxo de relevancia a preocupación do BNG polas consecuencias que este proceso pode ter tamén na calidade da prestación «dun servizo que debe ser considerado esencial e público».

PUBLICIDADE