O BBC iPlayer permite descargar os contidos da canle británica dos últimos 7 días

venres, 27 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Hoxe a BBC sube ó tren da revolución do vídeo na Internet co lanzamento do BBC iPlayer, que é unha aplicación informática que permite a descarga dos programas da canle televisiva británica dos últimos sete días (que se poderán ver ata 30 días despois da súa descarga e se borrarán automaticamente trala súa visualización), o que resulta ideal para recuperar as emisións que non se puideron seguir no seu momento sen lesionar as vendas en DVD das mesmas.
A data elixida pola BBC coincide coa do lanzamento da televisión en cor pola compañía hai 40 anos, completando hoxe un traballo iniciado en 2003, no que consideran que se trata só dos primeiros pasos nesta revolución audiovisual que está a vivir o medio.


Vídeo de presentación do BBC iPlayer

Pero o lanzamento do BBC iPlayer non está ausente de polémica, pois se trata dunha aplicación informática para equipos co sistema operativo Windows XP, que emprega un sistema DRM de Microsoft, de xeito que os usuarios do sistema operativo Linux criticaron duramente o seu illamento desta solución, mentres que o sistema operativo Mac OS X podería ter a súa propia versión do reprodutor no outono (así como para Windows Vista e mesmo para dispositivos móbiles).
As críticas non están só na ausencia dunha versión para Linux, senón na propia adopción de tecnoloxía DRM para protexer os contidos da súa replicación, o que para a BBC supoño unha decisión forzosa, pois os dereitos de explotación do audiovisual non permiten á compañía a liberación dos seus programas sen protección de ningún tipo, xa que ocasionaría graves prexuízos á industria.
A partires de hoxe, a BBC acepta solicitudes para entrar no período en probas do seu reprodutor, incorporándose os usuarios de xeito paulatino durante todo o verán, o que evitará problemas de colapso e permitirá os pertinentes axustes da plataforma para que no outono chegue a un lanzamento definitivo, de xeito que contarán cunha aplicación totalmente operativa e probada sen ter que aturar os numerosos atrancos cos que topan as versións de probas nas últimas semanas segundo afirman os responsables do proxecto ante o servizo de novas da BBC na Internet.

PUBLICIDADE