O BBC iPlayer para Xbox 360 está retrasado de xeito indefinido

luns, 30 de novembro do 2009 Marcus Fernández

A BBC está a levar os seus contidos audiovisuais ao maior número de plataformas posibles, e no caso das consolas de videoxogos doméstica actuais xa é posible acceder ao seu iPlayer dende a PlayStation 3 e a Wii, estando en negociacións con Microsoft para levar esta ferramenta á Xbox 360, pero parecen estar estancadas, xa que a compañía de Redmond pretendía que esta aplicación estivese só dispoñible para os clientes de pago de Xbox LIVE, o que chocaría frontalmente coa vocación de servizo público da BBC.
Dende a BBC recoñecen estar frustrados, pois non ven unha saída á situación, e aseguran que non poden permitir que alguén teña que pagar por ver os contidos da BBC no Reino Unido posto que os cidadáns xa pagan unhas taxas para manter a televisión pública.
O BBC iPlayer está a ter moito éxito na PS3, e incluso relanzaron a súa versión para Wii, polo que o acceso dende as consolas de videoxogos a contidos audiovisuais parece bastante atinado, polo que é unha mágoa que polo momento os usuarios británicos da Xbox 360 non poidan facer tal.

PUBLICIDADE