O Ateneo Ferrolán pon en marcha unha campaña en liña para salvar o seu patrimonio

luns, 25 de maio do 2015 Redacción

O Ateneo Ferrolán vén de pór en marcha unha campaña na Rede para salvar o seu patrimonio. Trátase da iniciativa de micromecenado Apoia ao Ateneo Ferrolán, impulsada dende Facebook e cunha páxina específica para canalizar as achegas, achegas.ateneoferrolan.org. A campaña para a busca de apoios e Internet veu dada, segundo informan fontes do Ateneo, polas obras municipais de restauración do edificio que acubilla a entidade veciñal, e que a obrigaron a retirar todo o seu patrimonio e trasladalo a unha empresa de mudanzas.
“A negativa do Concello, que foi o promotor da obra, a asumir estes gastos levou a que a empresa Mudanzas Félix demandase ao Ateneo e a entidade foi condenada ao pagamento de máis de 39.000 euros”, informa a dirección da entidade veciñal, que engade que ante os atrancos para afrontar a débeda, púxose en marcha a devandita campaña de recollida de axudas.
Os bens que se queren salvagardar e recuperar, arestora acubillados en seis contedores (dende hai cinco anos) están integrados por unha hemeroteca, unha biblioteca, os arquivos do Ateneo e unha longa serie de bens diversos.
Como dixemos, a campaña centralizase na web achegas.ateneoferrolan.org, a través da cal o Ateneo solicita a axuda das “persoas preocupadas pola situación económica da entidade”, que poden colaborar a través desta web facendo contribucións con tarxeta de crédito ou transferencia bancaria, e incluso mediante a moeda virtual faircoin. O Ateneo recolle doazóns tamén na secretaría da entidade na súa propia sede.

PUBLICIDADE