O Arquivo da Deputación de Pontevedra recibe unha subvención para dixitalizar os seus fondos
luns, 9 de agosto do 2021
A
Deputación de Pontevedra vai subir un novo chanzo en materia de
transformación, accesibilidade do coñecemento e evolución
administrativa. Desta volta, a
entidade provincial porá o foco no seu Arquivo, que, segundo
confirmou este luns 9 de agosto, recibirá unha subvención da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para
dixitalizar os seus fondos. Farase baixo os estándares das
principais bibliotecas dixitais internacionais.
Amais,
a axuda ao Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da
Deputación de Pontevedra permitirá que “unha vez se realice o
traballo de estandarización toda a documentación manexada no
Arquivo”, quela poida ser difundida dende os portais Galiciana,
Hispana e Europeana. En base a isto, a información xerada “estará
accesíbel para un meirande grupo de persoas usuarias”, explicou a
Deputación. A subvención da axencia autonómica ascende a 90.000
euros, conforme ao solicitado no seu día polo Servizo de Patrimonio
Documental e Bibliográfico da entidade provincial.
O
proxecto, que foi cualificado de “ambicioso”, diríxese a
complementar o traballo xa realizado e contribuirá á súa posta en
valor mediante a incorporación á principal biblioteca dixital
galega de todos os rexistros dixitalizados dende 2012 e hoxe visíbeis
a través do portal www.atopo.depo.gal.
Para
iso procesaranse un total 400.000 rexistros compostos de preto de
11.000.000 de imaxes xa dixitalizadas, e adaptaranse aos novos
formatos un total aproximado de 50.000 novas imaxes. Ademais dos
fondos xerais, este novo proxecto de dixitalización afecta a dous
grupos documentais principalmente, o fondo familiar Pazo Torre
Quintáns e a unha serie de expedientes de sanidade.
O
resultado do proxecto plasmarase no entregábel de preservación,
xunto cos propios entregábeis de imaxe e os arquivos de validación,
ademais de xerar unha copia para a AMTEGA e de poñer a disposición
sen restrición todo o contido dixitalizado no portal da Deputación
AtoPO.
Ademais
de utilizar e normalizar os sistemas, todas as imaxes que conteñan
caracteres recoñecíbeis (agás os manuscritos) serán procesados
con OCR, indexado no PDF resultante para xerar a maiores un XML co
contido deste para o seu posterior consumo por ferramentas de
descubrimento.
Con
este proceso, a Deputación de Pontevedra adaptará o 100% do fondo
dixitalizado, tanto no relativo ao patrimonio documental como ao
bibliográfico. Amais, busca sentar os alicerces “para que futuros
procesos de dixitalización sexan 100% compatíbeis, favorecendo unha
difusión futura dos novos contidos dende os portais de Galiciana,
Hispana e Europeana”.