O Arquivo da Catedral de Santiago activa unha base de datos de peregrinos medievais

martes, 10 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

O Arquivo da Catedral de Santiago vén de pór en marcha, ao abeiro do programa autonómico O Teu Xacobeo, unha base de datos de peregrinos medievais que pode consultarse en liña. Trátase dunha iniciativa feita da colaboración, aberta e dinámica, con vistas a que calquera usuario poida engadir novos datos ao listado.
A raizame do proxecto está no interese dos responsábeis do Arquivo da Catedral de pescudar no pasado, nas orixes do Camiño, e de aproveitar as posibilidades de participación, rexistro, reconto e divulgación que ofrecen as novas tecnoloxías. “O obxectivo é ceibar o traballo das dificultades en canto ás fontes e o seu tratamento e dispersión que teñen dificultado a tarefa de ofrecer un panorama claro sobre o feito peregrinatorio no numérico e no persoal”, informan fontes do Arquivo, salientando a necesidade de poñer o foco “en casos concretos con nomes e apelidos”.
A base de datos de peregrinos medievais (BADAPEM), desenvolvida polo Arquivo-Biblioteca da Catedral coa colaboración e financiamento da Xunta de Galicia no seu programa O Teu Xacobeo, ofrécese como un portal de acceso e consulta pública, libre e gratuíta no que se poderán pescudar datos e referencias concretas peregrinos a Compostela entre os séculos IX e XV.
O proxecto vén cunha gran novidade, que radica na súa orientación: as posibilidades de colaboración que ofrece. Así, aqueles particulares ou institucións que teñan datos ou referencias concretas, e tras darse de alta como usuarios simplemente cun enderezo de correo electrónico, poderán engadir novas entradas ao listado. A ferramenta posibilita facer pescudas por lugares de procedencia, datas, profesións... E cada ficha, ademais, poderase descargar como un PDF.

PUBLICIDADE