O Arquivo Histórico da USC segue adiante no seu proceso de dixitalización

martes, 4 de xuño do 2013 Redacción

Compostela ten a súa propia memoria histórica e tamén conta co seu propio gardián, o Arquivo Histórico Universitario. Pois atendendo á importancia de salvagardar todo o acontecido ao longo da historia da cidade, dende este centro de operacións (situado tamén no centro histórico de Santiago) estase a levar a bo ritmo un proceso de dixitalización total que comezaba en 1997 co gallo de poder consultar en liña todo o que rodea á nosa memoria documental. O fondo en cuestión componse de 9.000 metros lineais de documentos, sendo o universitario o máis voluminoso e ao que lle seguen os protocolos notariais dos distritos de Arzúa, Corcubión, Melide, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón e Santiago.
Cómpre dicir que o Arquivo tivo unha época na que o seu cometido era a conservación e custodia dos fondos propios da Universidade, mudando a súa actividade nos anos 40 do pasado século, intre no que comeza a contar con documentación relativa á cidade e á súa contorna. É tamén a finais dese século cando atopa por fin o seu emprazamento definitivo, no histórico antigo edificio da Casa Simeón. E que se pode atopar neste Arquivo? Amais da documentación do Hospital Real; dos mosteiros e conventos, cabidos catedralicios, confrarías e outras institucións eclesiásticas ás que afectaron as Leis desamortizadoras do XIX; das antigas contadorías de Santiago e das oficinas liquidadoras de Carballo, Corcubión, Negreira, Padrón e Santiago; fondos xudiciais coas causas civís e criminais das antigas xurisdicións de Santa Marta de Ortigueira, Cedeira e As Pontes de García Rodríguez; o fondo municipal do propio concello de Santiago e os dos antigos de Sar, Enfesta e Conxo; o fondo Castroviejo Blanco-Cicerón; ademais de arquivos políticos e sindicais, musicais, mapas e planos.
Por último, salientar que no pasado ano 2012 a base de datos en liña foi consultada por máis de 6.000 persoas, cun total de 226.000 consultas.

info portfolio

PUBLICIDADE