O Apóstolo estréase en Santiago este sábado con música en directo

venres, 16 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O Apóstolo, o filme galego que é que con toda probabilidade a primeira obra de animación europea realizada sobre tecnoloxía stop-motion estereoscópica, vai ser presentado o vindeiro 17 de xullo en Compostela. O acto, que terá feitura de concerto-proxección, desenvolverase no Auditorio de Galicia. O valor da presentación reside precisamente na arela de unir dous mundos: o do novo audiovisual (representado pola propia película, para que a se botaron man das máis innovadoras técnicas de filmación e de promoción) e o do cinema clásico, materializado neste caso pola inclusión real da banda sonora do filme, con músicos incluídos, tal e como se facía nos primeiros tempos da sétima arte. Sobre este último punto, dicir que participará no acto a Real Filharmonía de Galicia (interpretando a música composta por Philip Glass, Xavi Font e Arturo Vaquero) e máis o Orfeón Caixa Galicia Terra A Nosa, baixo a batuta de David Hernando, director da Bratislava Symphony Orchestra.
Amais, a presentación contará coa presenza de Carlos Childe poñéndolle voz á canción da película, composta por Xavi Font. Segundo sinala Artefacto Producións, responsable do financiamento do filme, o concerto terá unha “extrema dificultade técnica”, motivada en boa medida polo complexo de sincronizar diálogos, imaxe e interpretación coa música en directo. Sexa como sexan, sinalan, trátase sen lugar a dúbidas dun acto único.
Amais da asistencia confirmada dos máis de cincocentos co-produtores da película que apoiaron a súa filmación por Internet mercando accións, está prevista a participación no acto dos actores Carlos Blanco, Xosé Manuel Olveira Pico, Celso Bugallo, Manuel Manquiña, Isabel Blanco, Pedro Alonso e Jacobo Rey.
Acudirán tamén Camila Bossa, Morris, Iria Piñeiro e Elvira Primavera, viúva de Paul Naschy.
Amais dos devanditos, farán acto de presenza o secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, o alcalde de Santiago, Xosé Manuel Sánchez Bugallo, e a directora da TVG, Rosa Vilas, entre outros.
A posta en longo do filme, que está dirixido polo compostelán Fernando Cortizo, tamén contará coa participación do equipo técnico da película, encabezado por especialistas como Collin Miller, supervisor dos efectos especiais ou Tim Taylor, supervisor xunto con Carlos García da estereoscopia.

PUBLICIDADE