O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Celso Emilio Ferreiro

mércores, 5 de abril do 2023 S. P.

O Álbum de Galicia, enciclopedia online do Consello da Cultura sobre as grandes figuras históricas galegas, comezou abril incorporando unha nova e relevante entrada: a do escritor Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979).
Ramón Nicolás é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.
Celso Emilio Ferreiro foi un dos grandes poetas galegos do século XX. Destacou cunha prolífica obra, na que a miúdo plasmou as súas preocupacións sociais e políticas e na que incluíu, ademais de composicións de carácter reivindicativo, outras máis intimistas e irónicas.
Nado en Celanova, Celso Emilio Ferreiro formouse cos frades escolapios do mosteiro de San Salvador entre os anos 1919 e 1929, momento en que comezou a cultivar a escrita e a publicar os seus primeiros poemas nas cabeceiras Faro de Vigo e Heraldo de Galicia. Criado nun ambiente republicano e galeguista por influencia do seu pai, que fora membro das Irmandades da Fala, fundou en 1932 as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova.
É autor, entre outras obras históricas, de Longa noite de pedra (froito da súa estadía en prisión, no mosteiro de San Salvador, onde pasou catro días e tres noites logo de ter sido denunciado ante as autoridades militares fascistas por unha veciña), O soño sulagado (1954), Cantigas de escarnio e maldecir (1968) ou o libro de relatos A fronteira infinda (1972).
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 660 entradas.

PUBLICIDADE