O 80% dos españois aínda non viron a TDT

martes, 5 de decembro do 2006 Marcus Fernández

A Televisión Dixital Terrestre (TDT) leva en España dende o ano 2000 e tivo un relanzamento a finais de 2005, no que parecía unha aposta firme por parte do Goberno, as canles televisivas e a industria da electrónica de consumo, pero o tempo parece non soster este parecer, xa que segundo os datos publicados por Francisco Ros, secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a TDT só chega ó 20% dos fogares españois (aínda que a Unión de Televisión Comerciais sostén que tal porcentaxe é bastante inferior, sendo só do 12%).
A tenor destes datos o que parece evidente é que o apagón analóxico para o ano 2010 non parece posible (especialmente se aceptamos que ata 2016 a TDT non chegará a toda Galicia). Ademais, hai que subliñar que boa parte da suposta cobertura da TDT corresponde á redifusión dos seus contidos a través dos operadores de cable ou servizos de televisión polo fío telefónico (o que realmente non é TDT) polo que dende as canles televisivas piden medidas para dar un pulo adicional á nova televisión, coma podería ser a creación dun plan renove para os televisores (dende UTECA afirman que en Italia o Goberno inviste 130 millóns de euros anuais en axudas para a compra de novos equipos) aínda que hai que recoñecer que casos coma o galego non teñen nos terminais a súa principal limitación, senón que é a deficiente cobertura da TDT a que non permite a súa recepción.
Ademais, os establecementos de electrónica de consumo cifraba o número de receptores de TDT vendidos ata o pasado 30 de xuño en 1.948.000, cantidade que non parece medrar como é debido, segundo estes establecementos, pola falta de promoción dos servizos de valor engadido que achega a Televisión Dixital Terrestre.
Temos, en definitiva, un panorama nada positivo, xa que a TDT está a ter problemas en tódalas súas facetas, cunha cobertura deficiente, poucos servizos por parte das canles de televisión (e unha case inexistencia de servizos interactivos) e unha cobertura moi mellorable. Unha tecnoloxía que está moi verde, polo que parece que aínda teremos debate sobre a mesma durante os primeiros meses (e mesmo anos).

PUBLICIDADE