O 8% da publicidade de TVE irá parar a Internet
xoves, 28 de xaneiro do 2010
Dende que
Televisión Española anunciou a retirada da publicidade durante a emisión de
programas e películas, é dicir, dende que decidiu apostar por unha programación
sen cortes, unha das preguntas que máis se veu repetindo entre os españois é,
de onde sacaría estes ingresos TVE?, e se pediría máis financiación?. Pois ben,
segundo informa un estudo realizado por Havas para Microsoft Advertising (vese
que á compañía tecnolóxica tamén lle picaba a curiosidade), un 8 por cento dos
382 millóns de euros que se deixarían de investir na cadea pública, “irán parar á Rede”.
Podemos dicir
entón que, ao igual que a enerxía, a publicidade nin se crea nin se destrúe, só
se trasforma, pois segundo o mesmo estudo, o resto de medios (radio, paneis
exteriores e prensa) “absorverán o outro
21 por cento dese investimento”.
A súa complementariedade coa televisión,
o seu volume de audiencia (24 millóns de internautas no último mes, un 54 por
cento da poboación) e a súa afinidade con perfís tan demandados como son os
nenos e as mulleres, son os aspectos da Rede que resultan “máis atractivos” para os anunciantes que están a pensar o que van facer
coa partida que ata agora destinaban a TVE.
No caso dos nenos, de 8 a 12 anos, trátase dun
segmento da audiencia moi afín a Internet, medio ao que máis tempo adican por
detrás da televisión, de feito, no último mes, segundo indica o estudo, 1,4
millóns de nenos conectáronse polo menos unha vez para buscar información,
entreterse ou comunicarse cos seus amigos.
Pola súa parte, con certas excepcións, as
amas de casa tamén están demostrando ser un nicho de mercado importante debido
á súa afección á Rede (dos 4,6 millóns de amas de casa que hai en España, 3
millóns son internautas). Os contidos relacionados coa saúde, a familia e a
muller en xeral son os que máis espertan o seu interese.
Segundo vén de sinalar Marisa Manzano,
directora comercial de Microsoft Advertising, “grazas a Internet podemos seguir chegando a aqueles targets máis afectados
pola supresión da publicidade en TVE, ofrecendolle aos anunciantes contidos de
interese enfocados a estas audiencias”.
Asemade, indicou, “a isto hai que sumarlle as capacidades de segmentación que ofrece o
medio en liña, con ofertas comerciais moi competitivas que nos permiten
posicionar a Internet como o candidato idóneo para absorber os investimentos
liberados por TVE, por diante do resto de medios”.