O 72 por cento dos ordenadores domésticos que acceden a Internet conteñen malware

mércores, 20 de xuño do 2007 Raquel Noya

Segundo un estudo sobre “Seguridade da Información e Confianza nos Fogares Españois”, realizado polo Observatorio da Seguridade da Información do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO), o 72 por cento dos ordenadores domésticos con acceso a Internet, presenta algún código malicioso ou malware destinado a infiltrarse no computador e danalo sen coñecemento do propietario.
O devandito estudo, que foi realizado entre decembro de 2006 e xaneiro de 2007 en máis de 6.000 fogares, revela que algo máis do 50 por cento dos ordenadores dos usuarios domésticos analizados teñen “troianos”, un programa capaz de aloxarse nas computadoras e permitir o acceso a usuarios externos e o 40 por cento dos mesmos, presentan publicidade non desexada.
A análise tamén indica que, a pesares dos avisos e das incidencias sufridas polos usuarios, estes non abandonan os servizos nin deixan de empregar Internet e incluso, sabedores do elevado risco que corren os seus computadores ó navegar pola Rede sen unha protección adecuada, o certo é que a confianza dos internautas sitúase en torno ós 76,4 puntos de media nunha escala do 0 ó 100. Esta percepción de seguridade só se ve afectada despois de sufrir numerosas incidencias e recomponse ampliando as medidas de protección e moderando as condutas de risco.
Entre as ferramentas máis empregadas polos usuarios para evitar os perigos da Rede atópanse os programas antivirus, instalados no 87 por cento dos enquisados, os cortalumes, do que dispoñen un 76 por cento dos enquisados e as copias de seguridade, que por tratarse dunha medida que implica un comportamento máis activo do usuario, apenas son empregadas polo 35 por cento dos usuarios.

PUBLICIDADE