O 41% dos internautas recoñece facer operacións online que comprometen a súa seguridade

venres, 3 de xuño do 2022 S. P.

ObservaCiber, o observatorio público estatal centrado en cibersesguridade coordinado polo ONTSI e o INCIBE, vén de presentar un estudo sobre o nivel de protección en liña da cidadanía española no que se certifica a necesidade de seguir afondando na cultura das navegacións protexidas. De feito, dise nel que nove de cada dez españois enquisados recoñece a necesidade de formarse en materia de seguridade en Internet. É un dos datos que se desprenden do Estudo sobre percepción e nivel de confianza en España. Como se protexe a cidadanía ante os ciberriscos, correspondente ao segundo semestre do 2021.
Esta investigación céntrase en coñecer o grao de coñecemento e preparación que ten a poboación española en materia de ciberseguridade mediante a análise dos seus hábitos e condutas en Internet entre xullo e decembro de 2021. Para iso, comparou datos obtidos a través de enquisas e do escaneo consentido de dispositivos electrónicos (tabletas, móbiles Android e computadores). Preténdese “obter unha visión realista do estado de saúde dos dispositivos en España e a percepción da cidadanía sobre medidas de protección dixital”.
O estudo constata que os dispositivos móbiles e computadores aínda están expostos a ameazas e ataques, malia o crecemento do número de internautas e da información dispoñíbel sobre navegacións seguras. O informe tamén pon de manifesto que durante o último semestre de 2021 o 3,7% dos dispositivos móbiles e o 51,5% dos computadores sufriron unha infección por software malicioso (malware).
Amais, sinálase que entre xullo e decembro de 2021 diminuíron os hábitos de usar contrasinais, do 59,5 ao 55,7%, ou borrar periodicamente os arquivos temporais e cookies, desde un 40,1 ao 38%. Tamén baixou o número de persoas que empregan antivirus; do 58,7% ao 53,1% neste semestre. Ademais, son menos quen declaran ter actualizado o sistema operativo do seu computador; baixa do 61% ao 56,1%, aínda que o dato da análise das máquinas demostra que case una de cada dúas persoas si fai esa actualización.
Durante o últimos seis meses de 2021, o 70,9% das persoas que se conectaron a Internet sufriron unha situación de fraude. Na maioría dos casos foron convites a visitar webs sospeitosas (63,2%), ofertas de servizos ou produtos non solicitados (46,5%) ou a solicitude de claves ou de información persoal (24,3%).
O PIN segue a ser a medida máis utilizada para protexer os dispositivos móbiles, un hábito para o 87,9% da poboación. Pola contra, son menos empregadas outras metodoloxías como o antivirus e o cifrado de datos. Neste caso, seis de cada dez declaran ter un software contra ataques instalado no seu teléfono, e un 46,5% emprega un xestor de contrasinais.
A análise de dispositivos revela que, aínda que o 87,4% das persoas enquisadas di que leva a cabo a actualización de seguridade, só un 72,5% faino realmente.
Este estudo tamén subliña que unha parte da poboación aínda realiza accións en Internet que poden comprometer a súa información, como descargar contidos desde webs non oficiais; un 41,1% de quen se conectan a Internet declara levar a cabo algunha conduta deste tipo de maneira consciente.

PUBLICIDADE