O 3GSM World Congress achega a Barcelona o último en telefonía móbil

luns, 12 de febreiro do 2007 Raquel Noya

O teléfono móbil evoluciona a pasos axigantados para converterse nun dispositivo de comunicación global indispensable na actualidade (ou, polo menos, pensamos que é indispensable, que non é o mesmo). No 3GSM World Congress, que dá comezo hoxe luns 12 en Barcelona, poderanse ver todo tipo de aplicacións mediante as cales achegar Internet (máis aínda se cabe) ós usuarios de telefonía móbil. Este ano, a 3GSM World Congress, que se vai desenvolver até o 15 de febreiro no recinto da Fira de Barcelona, atraerá a preto de 60.000 visitantes (procedentes de 190 países) e contará con 1.350 expositores, ademais de 220 relatores, entre os que se atopan os principais directivos das grandes empresas do sector.
Xa na anterior edición, tanto as grandes empresas como os pequenos deseñadores de contidos acudiron ó evento coa axenda repleta de reunións de traballo, convencidos da eficacia da feira e das boas oportunidades de negocio que se dan cita nela. Nesta ocasión non ía ser menos e os representantes de telefonía de todo o mundo danse a coñecer e facilitan as novidades que incorporan os seus produtos. Conexións sen fíos a través das novas redes Wimax, tecnoloxía de cuarta xeración, plataformas IMS, velocidades extremas de transmisión de datos... son só algunhas das claves da converxencia da telefonía móbil co universo dixital que terá lugar na 3GSM World Congress.
Asemade, a televisión volverá a ser a raíña da feira, pero nesta edición e xunto cos novos dispositivos, estarán tamén os creadores de contidos multimedia para os terminais. Logo de varios anos falando do “wap” sen saber moi ben a ciencia certa o que era, os usuarios comezarán a familiarizarse cos portais wap, as réplicas dos portais web de internet afeitos ó móbil; o mesmo sucederá co correo electrónico, que deixará de ser unha aplicación exclusiva para as empresas para converterse nun servizo adaptado a todo tipo de consumidores.
O congreso deste ano ten lugar no medio dunha polémica en España pola subida das tarifas de telefonía móbil, un tema que trae de cabeza a moitas asociacións de consumidores e que non estaría de máis que se tratara nalgunha dos relatorios.
Para a celebración do que para moitos é o evento máis importante do mundo en materia de telefonía móbil, Barcelona tivo en conta ata o máis mínimo detalle para converterse nunha cidade de festa e, con diversos eventos tódalas noites, facer da estancia dos asistentes unha experiencia inesquecible (sobre todo polas cantidades astronómicas que teñen que pagar os asistentes por acadar unha habitación).

PUBLICIDADE